Saturday 27 de April de 2024

A Xunta lembra que o prazo de inscripción nas 172 Escolas Infantís da comunidade está aberto ata o vindeiro 9 de abril


O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou na Coruña a escola As Mariñas, unha das oito que dependen da Axencia Galega de Servizos Sociais
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a Escola Infantil As Mariñas, na Coruña, acompañado pola directora do centro, Carmen María de Nieves, e pola xefa territorial da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez. Rodeiro aproveitou a ocasión para lembrar que ata o vindeiro día 9 de abril está aberto o prazo para solicitar a inscrición dos nenos e nenas nas 10.264 prazas de 0 a 3 anos ofertadas nas 172 escolas da rede autonómica: 145 xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e as 27 restantes da Axencia Galega de Servizos Sociais.

A Escola Infantil As Mariñas é, precisamente, unha das oito da provincia da Coruña que dependen da Axencia Galega de Servizos Sociais, e conta no seu equipo con cinco técnicos en Educación Infantil, un oficial de Cociña, un axudante de cociña e tres camareiras limpadoras. Ten na actualidade 61 prazas, tres delas, de emerxencia. Desde o curso 2014/15 esta escola funciona ao cento por cento da súa capacidade.

Nos últimos anos a Xunta de Galicia vén de investir algo máis de 28.000 euros en obras de reforma e reparacións necesarias no ano 2016 destinados a reparacións de pavimento no patio e a terraza, reparación e pintado do muro perimetral exterior e adquisición de maquinaria e equipamento.

As oito escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais na provincia ofertan 676 prazas: na Coruña, Elviña (107), As Mariñas (61), O Ventorrillo (107) e Santa María de Oza (61); en Santiago de Compostela, Santa Susana (82) e Vite (123); e en Ferrol, Catabois (82) e Nuestra Señora de Chamorro (53). Forman parte da oferta da rede de prazas públicas en escolas infantís, que na provincia da Coruña ascende a 4.265.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a conciliación é un dos eixes prioritarios para a Xunta, que aposta por familias que teñan tempo para os seus fillos, as súas actividades profesionais e tamén para eles mesmos”. Nesta liña, apuntou que apoiar as familias mediante axudas e facilidades de conciliación “é o camiño para afrontar o presente e futuro da nosa terra”. Lembrou que, ao abeiro do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), estanse a desenrolar medidas como a Tarxeta Benvida, os Bonos Concilia e Coidado, as bonificacións previstas nos prezos públicos establecidos para o segundo e terceiro fillo ou filla, ou o impulso de novos recursos de conciliación en contornas rurais e empresariais.